Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Alumnos de Rianxo estudarán en 3 países especies en perigo

Foi seleccionado o IES Félix Muriel para un proxecto europeo // Analizarán 243 exemplares e viaxarán a Irlanda e a Croacia

A axencia irlandesa Erasmus + da UE Leargas aprobou onte oficialmente o proxecto Estudos e Investigacións sobre o Cambio Climático na UE, enmarcado na acción KA201 para a innovación educativa, cun orzamento de 336.122 € para o período comprendido entre setembro de 2020 e setembro do 2023 (tres cursos escolares) e no que participarán alumnos e profesores do IES Félix Muriel de Rianxo.

O proxecto forma parte do programa da Capitalidade Cultural compartida da UE en 2020 (Galway, en Irlanda, e Rijeka, en Croacia) e das posteriores de 2021 (Timisoara, en Romanía; Elefsina, en Grecia; e Novi Sad, en Serbia); 2022 (Kaunas, en Lituania, e Esch, en Luxemburgo) e 2023 (Veszprém, en Hungría).

A Comisión Europea descríbeo como “proposta impresionante, creativa, única, perspicaz, ambiciosa e admirable; implicando directamente a 135 estudantes e 25 profesores a nivel local nas súas escolas e familias, axencias ambientais e comunidades locais”. A investigación nos tres países e climas estará coordinada en Irlanda polo Galway Community College pertencente ao Consello de Educación e Formación de Galway e Roscommon e a ONG ambiental Irish Wildlife Trust (IWT) e conta como socios en España co IES Félix Muriel, o Concello de Rianxo e a Sociedade Galega de Historia Natural.

Os 135 estudantes participantes (15 por país e curso nos 3 anos do proxecto) e o panel de 25 profesores seleccionados estudarán 243 especies en perigo de extinción nos tres países seleccionados polos tres grupos naturistas asociados e proporán unha innovadora acción correctora en cada unha delas para a súa conservación e recuperación. Xunto aos estudos semanais nas escolas, o proxecto consta de tres viaxes de investigación ao ano a Galway, Rianxo e Rijeka e será obxecto de rodaxe e seguemento polas canles de televisión pública TVG (Galicia), TG4 (Irlanda) e HRTV (Croacia).

Producirán ademais un audiovisual innovador onde os estudantes formarán fisicamente cos seus propios corpos os nomes das especies estudadas e gravadas con tomas aéreas feitas con drons.

18 jul 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito